Wednesday 15 de May de 2024

Dinamiz-Artj leva este sábado a Bardaos o espectáculo “Saaabor!”


Ás 18:00h no local social da Bañoca con entrada libre

Gracias á rede cultural Dinamiz-artj dos Convenios para a Transición Xusta de aquelas zonas afectadas polo peche de centrais térmicas, o Concello de San Sadurniño veu programando desde a primavera unha chea de espectáculos gratuítos para todos os públicos.O próximo ao que poderemos asistir é “Saaabor!”, unha comedia culinaria que se porá en escena o sábado ás 18:00h no local social de Bardaos con entrada de balde.

“Saaabor!” é un showcooking cheo de humor, maxia e música onde as espectadoras e espectadores presenciarán a preparación dun menú disparatado, ademais de faceren nalgúns momentos de pinches de cociña. Os protagonistas son dous afamados chef que nos ofrecen pratos para todos os gustos, desde a comida máis práctica e sinxela ata a máis elaborada, sen esquecer o bo viño e unha delicada sobremesa.

Tralos fogóns estará o actor e músico Félix Rodríguez, que conta cunha longa traxectoria escénica en compañías como Odaiko, Píscore e Trío Refugallo. De par del, completando o dúo gastro-humorístico, veremos a Fran Rei, quen leva participado en máis dunha vintena de montaxes con compañías como Os Sete Magníficos máis un, Pallasos en Rebeldía ou Acontrabutaca.

Rei e Rodríguez, dous habituais no catálogo da cooperativa Culturactiva, son os creadores deste espectáculo -ganador en 2018 do Festiclown- dirixido por Avelino González que é, en definitiva, unha receita chea de sabor que fará as delicias dos padais infantís e adultos máis esixentes.

Poderemos presenciar Saaabor! este sábado a partir das 18:00h no local social de Bardaos con entrada de balde e sen necesidade de reserva previa. A actividade encádrase na programación da Programa Dinamiz-artj, impulsada polo Instituto para Transición Xusta e a Fundación Cidade da Enerxía(CIUDEN) para a promoción cultural nas zonas afectadas polos procesos de descarbonización, como é o caso de toda a comarca das Pontes.